Máis
5 Decembro, 2019 20:30
Auditorio Ilduara Celanova
Rúa do Cercado, 25, 32800 Celanova, Ourense
Localidade
Celanova
Concerto presentación de Contrapunto, novo traballo de Tanxugueiras, en Celanova.
O Xoves 5 de decembro ás 20.30h (apertura de portas ás 20:00h).
Entradas á venda en: enterticket.es/tanxugueiras-contrapunto-celanova
TANXUGUEIRAS
Tanxugueiras incrementa as revolucións do folk galego. Co seu disco de debut, un repertorio escollido para amosar a esencia da tradición, Olaia Maneiro, Sabela Maneiro e Aida Tarrío chegaron a máis de 100 escenarios dentro e fóra das nosas fronteiras. Unha aposta sen corsés enchida de virtuosismo e contundencia que continúa no seu segundo traballo, Contrapunto. Un disco que incide na recuperación da tradición das pandeireteiras e a integran con harmonías de diferentes estilos e situar á música galega en novos escenarios. Tanxugueiras son renovación, reinterpretación e revolución para a tradición musical de Galicia.
Discografía
– Tanxugueiras (2018)
– Contrapunto (2019)
Recoñecementos
Mellor álbum galego do 2018 – Premios MIN de la Música Independiente
Música tradicional e folk – Premios Martín Códax da Música
Mellores músicas de Galiza 2018 por Que non mo neguen – Certame aRi[t]mar Galiza e Portugal
CONTRAPUNTO. NOVO DISCO
A vida ten dúas caras. Ten momentos contrapostos, que saben ás veces doce e ás veces amargo. Unha dualidade inevitable que equilibran con tento e delicadeza, con forza e carácter, as Tanxugueiras. Sangue novo para revitalizar e actualizar a tradición da música oral do país, unha formación que no seu segundo disco consegue dar unha nova vida e un novo significado as coplas que se cantan dende antigo en Galicia.
Contrapunto é un disco de dez temas siameses, cinco caras e cinco cruces de diferentes momentos da vida narrados a través das letras que as pandereiteiras mantiveron vivas ata hoxe. Palabras con pasado para describir o presente a través de voces destas tres mozas e de sonoridades de diferentes estilos. Unha proposta que expande as posibilidades da música tradicional e a sitúa a base de forza e empoderamento nos mesmos escenarios que estilos como o pop ou o indie.