fbpx

Romaría etnográfica Raigame Vilanova dos Infantes

Compárteo!

17 Maio, 2019 Tódolos Días

Vilanova dos Infantes

Vilanova dos Infantes, Celanova

  • Localidade

    Vilanova dos Infantes

Raigame Vilanova dos InfantesCelebración do Día das Letras Galegas cun amplo abano de actividades que exaltan as tradicións.

As prazas e rúas de Vilanova dos Infantes énchense cada 17 de maio de postos onde arredor de 80 artesáns ofrecen ao visitante os seus produtos e amosan o seu oficio. O fermoso núcleo medieval desta vila vive no Día das Letras Galegas un amplo abano de actividades nas que se exaltan as tradicións, como música e baile, oficios tradicionais, monicreques e saltimbanquis, xogos populares e exposicións etnolóxicas.

Desde primeira hora da mañá, a mestura de olores invade esta localidade ourensá, exemplo de conservación do seu patrimonio histórico. A diversidade gastronómica é latente: polbo, carne ao caldeiro, empanadas, pan, doces, xeados, filloas, rosquillas e outras larpeiradas.

As antigas cortes de Vilanova, hoxe garaxes ou baixos das casas, acollen obradoiros nos que os artesáns traballan o seu oficio. Os visitantes, que se trasladan a unha romaría típica galega de comezos do século XX, poden comprobar in situ como se elaboraba entón unha fouce, como se tecía un pano, como se labraba unha pedra, como se facía unha chanca, etc.

As actuacións musicais son unha parte fundamental desta romaría. A Praza Maior, a Praza do Balcón e a Praza Tralacerca son os escenarios polos que, ao longo de todo o día, pasan arredor de 30 agrupacións de baile tradicional. Ademais, distintas formacións de música fan pequenas actuacións nos recunchos da vila e grupos de pandereteiras animan a xornada festiva cos seus toques e cantos.

Desde o Obradoiro de Xogos Populares do CCP Xaquín Lorenzo Fernández organízanse distintas actividades para que os máis novos aprendan os xogos dos seus avós e os maiores lembren aqueles modos de se divertiren cando eran mozos. Carreiras de zancos, aros, sacos ou xogos cantados son parte fundamental desta cita en Vilanova dos Infantes, na que tampouco faltan unha serie de mostras encamiñadas a achegarnos oficios, traballos e actividades que hoxe están en vías de desaparición.

Curros Enríquez, gran coñecedor e apaixonado de Vilanova, lembrou na súa obra “A Virxe do Cristal” algúns deste oficios: “Vilanova dos Infantes / é vila de grande sona / n´hai zapateiros no mundo / que batan millo-la sola…”.

Este sitio web utiliza cookies. Debes aceptar o seu uso para seguir navegando por el + info

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Close