fbpx

Nacionalismo e Anarquismo na Galiza. Presentación do libro

Compárteo!

28 Agosto, 2020 20:00

CSA Cambalhota

Camiño Socastelo, 10 Allariz

Organizado Por

CNT Allariz

  • Localidade

    Allariz

Nacionalismo e Anarquismo na Galiza. Presentación do libroO vindeiro venres 28 de agosto ás 20 h. contaremos coa presenza de Dionísio Pereira e Eliseo Fernández. Presentarán a súa última obra: “Nacionalismo e Anarquismo na Galiza (1840.1940)”.
Esperámosvos e deixamos isto para ir abrindo boca:
O devalar de entreséculos viu na Galiza o medre e consolidación de movementos como o agrarismo, o sindicalismo e o nacionalismo, nun contexto transnacional de combates anticolonais e loita de clases. Mentres os contactos entre o movemento libertario e o nacionalismo independentista foron notorios en países tan ligados a Galiza como Cuba, na nosa terra as devanditas relacións foron moi febles. Malia todo, ao longo do tempo existiu unha notable mellora das relacións e comprensión mutua, o que facilitou certa converxencia de ambas correntes na intervención social. O feito de que os golpes militares de 1923 e 1936 estiveran dirixidos, quer a rematar coa guerra colonial de África, quer a conxurar a ameaza ascendente do separatismo e da revolución social, amosa tamén que aqueles dous proxectos diferentes tiñan ao cabo tanto inimigos comúns, como espazos compartidos. Un percorrido polos encontros e desencontros entre nacionalismo e anarquismo no período considerado, permítenos albiscar tamén as distintas sensibilidades que convivían nun e noutro movemento.
O carácter maioritariamente refractario do anarquismo galego diante do feito diferencial e a práctica ausencia dun pensamento propio que asumise o legado dos hábitos comunitarios e de contrapoder estendidos historicamente ao longo da xeografía galega, poderían explicar a mínima relevancia das tentativas teóricas propias para adaptar o esquema libertario á cultura e á idiosincrasia galega; malia a persistencia da parroquia e das xuntas veciñais, o amplo rexeite do municipio estatal e a proliferación dos valores comunitarios e os bens en man común, este caldo de cultivo non foi aproveitado.
A identificación nos medios libertarios da fala e cultura populares cunha Galiza conformista e atrasada, cunha terra de “miserables y esclavos”, axudou ao desinterese. En Catalunya, polo contrario, o respecto por una identidade diferenciada que, pensaban algúns anarquistas, estaba na base de rebeldías seculares, explica que unha minoría de sindicalistas e intelectuais que se reclamaban da Anarquía e mantiñan distancia co catalanismo burgués, empregaran o catalán e alentaran a cultura propia xa dende a segunda metade do século XIX. Engadamos tamén, que o confederalismo anarquista parecía lastrado naquela altura pola indefinición pimargalliana verbo dos suxeitos do pacto federal e a tentación vertical que padeceu tras o conflito cantonal, sen esquecer a súa incapacidade para a creba das fronteiras fácticas da estatalidade española.
Compre ter en conta, ademais, que o asentamento do nacionalismo e do anarquismo na Galiza, tivo como punto de partida uns presupostos ideolóxicos puramente teóricos, alleos ao país para os libertarios, ou debedores dunha visión etnográfica e tradicional para a maioría dos galeguistas; como consecuencia, en ausencia de prácticas a contrastar, houbo unha rixidez doutrinal que dificultou o diálogo entre dúas culturas políticas que, por demais, tiñan aniñado en diferentes clases sociais. Malia que o xenial Blanco Amor de Xente ao lonxe enxergou no devalo da primeira década do século XX o agromar da cuestión nacional no obreirismo ourensán, na Galiza da Restauración resulta pouco doado atopar (verémolo) cadros proletarios incorporados ao mesmo tempo ao galeguismo político ou con certas simpatías cara os seus postulados, e as individualidades da pequena burguesía cuxo vencello co anarquismo e o ideario galeguista sequera nalgunha etapa da súa vida fose algo máis que epidérmico, caso de Álvaro Paradela, Xaime Quintanilla, Manoel Antonio, Julio Camba ou o propio Ricardo Mella, son tamén moi escasas.
En conxunto, todas estas eivas dificultaban un achegamento ao galeguismo do que podería ter emanado unha síntese que asumise a reivindicación da cuestión nacional, por uns, e a imperiosa necesidade de resolver sen tutelas estatais a cuestión social, por outros. Daquela, o desencontro entre ambas correntes neste período foi certo e as ausencias (agás casos illados) nas respectivas etapas constitutivas, notorias. Mais o contacto cunha realidade global enormemente complexa foi introducindo matices nos discursos e mudando as relacións entre os dous movementos, evolución que se cadra non foi allea ao feito de seren as reivindicacións nacionais e sociais as maiores ameazas para o estado centralista herdado do século XIX.
Conscientes de explorar un terreo practicamente virxe na nosa historiografía, no que lamentablemente o elemento feminino brilla pola súa ausencia, propoñemos unha visión de onda longa (1840-1936), na que, cronolóxica e tematicamente, poidamos reunir e ordenar todos aqueles elementos de interese que nos permitan, con posterioridade, levar a cabo unha valoración de conxunto das relacións entre movemento libertario e nacionalismo na Galiza de aquén e alén mar.

Este sitio web utiliza cookies. Debes aceptar o seu uso para seguir navegando por el + info

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Close