fbpx

Irma Fernández Alonso. Parabéns Mestre Vide (125º Aniversario)

Compárteo!

8 Febreiro, 2019 20:30 - 21:30

Parque Náutico de Castrelo

  • Localidade

    Castrelo de Miño

Irma Fernández Alonso nace en Ourense en 1981. Con sete anos inicia os seus estudios musicais con Mª Teresa Trullás, e con 9 ingresa no Conservatorio Profesional de Música de Ourense, onde realiza os seus estudos elementais e medios de piano con Mª José Cid Castro, que conclúe con Mención de Honor. Continúa os estudos superiores no Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde obtén o Título Superior de Piano como alumna de Nicasio Gradaille e obtén tamén o título superior de Linguaxe Musical, Repentización, Transporte e Acompañamento. A continuación realiza estudos de postgrao durante dous cursos na Escola Luthier de Barcelona como alumna de Ludovica Mosca e recibindo tamén clases de Alain Motard (París), Gennady Dzubenko (Moscova) e Ana Guijarro (Madrid). Durante todos estes anos, completou a súa formación en cursos de interpretación pianística (Luiz de Moura ), continuo (Chiao Pin Kuo), pianoforte (Patricia Rejas), música contemporánea (Ludovica Mosca), danza histórica (Mª José Mayordomo e Eva Narejos), etc.

Participou, con 12 anos, no concurso de piano Angel Barja da súa cidade, acadando o posto de finalista, e quedando en segundo posto, con 15 anos, no concurso internacional de piano Vila de Salou (Tarragona). Con 17 participou no ciclo de xóvenes intérpretes da Fundación Barrié de la Maza. Ten ofrecido recitais en A Coruña, Vigo, Santiago (Ciclo de Novos Intérpretes da Asociación Galega de Lírica Teresa Berganza) e Ourense (Ciclo de Novos Intérpretes do Concello de Ourense), tanto como solista como acompañando ao guitarrista Juan Manuel Vázquez, e tamén en Barcelona (Casa Elizalde e Escola Luthier) .

Posteriormente comezou a combinar a súa faceta pianística cos estudos profesionais de órgano, que remata en 2012 baixo as ensinanzas da profesora Soledad Mendive, e mentres, completa a súa formación neste campo con cursos como Introdución ao Órgano Barroco Español (Lucía Riaño e Angel de la Lama), e afonda na música antiga ibérica con Jesús Gonzalo e José Luis González Uriol. Ten ofrecido recitais de órgano como a clausura do congreso CEHA (Centro Español de Historia do Arte) no órgano ibérico de San Paio de Antealtares (Santiago de Compostela); no órgano do Santuario de Covadonga (Asturias), ou no Festival de Órgão de Braga, así como noutros órganos da provincia de Ourense (Celanova, Santa Eufemia, Xunqueira de Ambía, etc.), ou no seu propio órgano portativo medieval durante o IKFEM 2014 na Eurocidade Tui-Valença. O seu interese pola música antiga lévaa a realizar tamén estudios de cravo no Conservatorio de Ourense, que rematou en 2017 con Alicia Alcayna, asistindo a masterclasses con Tony Millán, Pilar Montoya Chica ou Ana Mafalda Castro, e a participar no grupo de música antiga Ars Anterga, co que realizou varios concertos (Galicia, La Rioja, Portugal, Malta), e dúas gravacións, a segunda delas o interesante proxecto Meu Amigo Martín Códax, na que gravou coas réplicas da frauta, o psalterio e o organistrum do Pórtico do Paraíso. Na actualidade continúa interpretando repertorio medieval no dúo Alendalúa con Juan Manuel Vázquez.

É pianista e organista acompañante da Coral de Ruada, con actividade dentro e fóra das nosas fronteiras (Portugal, Francia, Gran Canaria), e colaborou tamén coa Capela Madrigalista, coa que participou en ciclos como Os Mestres de Capela da Catedral de Ourense en Espazos Sonoros. Actualmente continúa a súa vida pianística sonorizando en directo películas de cine mudo, traballando con asociacións como A Bela Auria e Cine Clube Padre Feijoo de Ourense ou institucións como o CGAI-Filmoteca de Galicia (A Coruña). Recentemente interveu, da man da Coral de Ruada, no aniversario da estrea en Ourense de Carmiña, flor de Galicia, un filme mudo de 1926 rodado na nosa comunidade.

Dende o ano 1999 é organista do Santuario de Nosa Señora de Fátima de Ourense, e dende 2003 exerce a docencia como funcionaria de carreira no IES Celanova Celso Emilio Ferreiro impartindo a materia de Música.

Actualmente compaxina a súa faceta como nai de Luz co estudo da obra do Mestre Vide no seu 125º aniversario, repertorio que leva interpretando dende 2011 da man de novo da Coral de Ruada, coa que neste ano celebra o seu centenario.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio web utiliza cookies. Debes aceptar o seu uso para seguir navegando por el + info

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Close