fbpx

Entroido de Verín

Compárteo!

21 Febreiro, 2019 Tódolos Días

Verín

Verín, 32600 Ourense

  • Localidade

    Verín

O Cigarrón é o elemento principal e máis característico do entroido de Verín, a súa orixe forma parte dunha lenda. Crese que puido ser un cobrador de impostos, o encargado de levantar a caza do señor feudal, ou mesmo un enviado da igrexa para facer crer aos que dubidasen da súa fe. En calquera caso, quizais esta falta de seguridade para definir a súa verdadeira orixe é o que lle dá un toque máis máxico ao personaxe.

No Entroido de Verín, cada día é unha sorpresa, algo diferente, cun significado.

Xoves 21 de febreiro de 2019. Xoves de Compadres.

É o primeiro día do Entroido e a primeira noite de mascarada colectiva.

Antigamente a mulleres facían os compadres ou bonecos que imitan á figura dun home, colgándoos nun lugar visible ou tentando denigralos ata queimalos, sempre coa oposición dos homes que trataban de evitalo.

É noite de homes, aínda que co paso dos anos son máis a mulleres que tamén se animan a participar esta noite, cambiando o seu rol e disfrazándose coma se fosen homes.

Despois dunha boa cea en calquera dos restaurantes da vila, a media noite todas as cuadrillas de homes percorren as rúas da vila en compañía das charangas e do “carro do Meco” para chegar á Praza Maior e xulgar “o Maragato”.

Domingo 24 de febreiro 2019. Domingo Corredoiro.

Comézase propiamente a “correr o Entroido”; a primeiras horas da mañá hai unha descarga de pirotecnia e as principais rúas da vila énchense de ruído e son coa música das charangas.

Celébrase a primeira concentración matinal de Cigarróns, que farán a súa aparición para saudar a todos os veciños á saída da misa.

Á tarde-noite celébrase na Praza Maior de Verín o primeiro baile de máscaras vespertino ao ritmo das orquestras e ten lugar a primeira “fariñada”, ingrediente indiscutible do Entroido.

Xoves 28 de febreiro de 2019. Xoves de Comadres.

Desfile Infantil (Xoves de Comadres pola mañá)

Desde as 11.45 horas terá lugar o Desfile Infantil do Entroido, no que os/as menores do Punto de Atención á Infancia do Concello de Riós, Kero- Kolo do Concello de Verín, Gardería Pinocho, CEIPs Amaro Refojo, Princesa de España, Castrelo do Val, Rodolfo Núñez de Vilardevós, Vendas da Barreira, Augusto Assia da Mezquita, Medeiros, o Colexio Rural Agrupado Monterrei, Colexio María Inmaculada e o IES Taboada Chivite tomarán as rúas de Verín.

Este desfile estará amenizado pola Banda de Gaitas do Concello de Verín e diversas charangas. Partirá, como todos os anos, do cruze da Canella Cega coa estrada de Cabreiroá, para percorrer as rúas Deputación, Luís Espada y Lisa, e finalizar nas prazas García Barbón e Maior.

CHEGOU O ENTROIDO! Milleiros de mulleres disfrazadas participan no Xoves de Comadres en ceas colectivas, enchendo todos os restaurantes da vila, e pobre do home que estea fóra de casa antes da medianoite… A esta hora toda esa multitude vaise xuntando nas rúas facendo a procesión da candea e das sabas brancas para recibir o Entroido e a Raíña do Entroido.

Venres 1 de marzo de 2019. Venres de Compadreo.

Como nos últimos anos, o Capuchón e a Mascarita son os uniformes oficiais que levarán os asistentes á festa durante esta xornada. A partir das 19 horas terá lugar a saída dos Escuadróns de Capuchóns e Mascaritas para percorrer diversas rúas e prazas da vila (desde o barrio de San Lázaro), con paradas estratéxicas para mollar a garganta e encher o estómago. Irán acompañadas en todo momento de dous “Carros do Compadreo” e das charangas, e finalizará o percorrido na praza de Edesio Fontes, onde a música acompañará a tradicional degustación do porco ao espeto.

Sábado 2 de marzo de 2019. Sábado de Entroido. Bautizo do Cigarrón.

Ás 17 horas, sairán desde a praza do Concello a confraría do Cigarrón para a praza da Mercé pola rúa Laureano Peláez. Na propia praza da Mercé, celebrarase o emblemático “Bautizo do Cigarrón”, un acto solemne onde serán investidos, por primeira vez, varios Cigarróns.

A continuación, estes novos Cigarróns investidos presidirán unha marcha pola praza do Cigarrón, onde se realizará unha homenaxe aos Cigarróns que por calquera motivo non puideron saír, e deleitarannos coas súas chocas.

Domingo 3 de marzo de 2019. Domingo Gordo.

O día grande do Entroido e de maior intensidade. A primeiras horas da mañá volven ser protagonistas as bombas e as charangas, pero xa non espertarán a tantos veciños, debido a que serán moitos, mozos e mozas, e non tan mozos/as os que están a esperar despois dunha longa noite de alegría e diversión a chegada do desfile de comparsas e carrozas, que se concentrán no Barrio de San Roque ata a súa saída.

Ás doce do mediodía comeza o Gran Desfile de Carrozas, Comparsas, Máscaras e Cigarrónes, amenizado pola Banda de Gaitas do Concello de Verín e das charangas, que percorrerán as rúas da vila ateigadas de xente, enchéndoas de vida, de cores, de alegría, de música, de diversión e despreocupación, sendo enorme a multitude de persoas, entre Máscaras participantes e espectadores que terminan por aglutinarse na Praza García Barbón ao termo deste desfile popular.

Desde a tarde ata o anoitecer, diversas orquestras e charangas entreterán tanto a veciños como a visitantes, e a partir da medianoite, verbena popular.

Luns 4 de marzo de 2019. Día da Farelada.

Pola tarde terá lugar un Entroido infantil no pavillón de deportes, con xogos e música. Así mesmo unha charanga amenizará o Baile da Terceira Idade.

Cara ao atardecer haberá repartición de bica e empanada e todos volvemos ao baile ao son da música da orquestra.

Martes 5 de marzo de 2019. Martes de entroido.

É o último día da gran esmorga popular.

Bombas e foguetes comezan pola mañá coa mesma intensidade coa que anunciaran a chegada do Entroido. Despois de comer, as rúas volven encherse de xente para revivir o domingo de Entroido, unha repetida concentración e Desfile de Carrozas, Comparsas, Máscaras e Cigarróns, todo amenizado unha vez máis pola Banda de Gaitas do Concello de Verín e as charangas.

Conclúen este día os bailes e verbenas populares, e a esmorga nocturna dáse por finalizada para moitos/as ao amencer do día seguinte.

ATA O ANO QUE VÉN, ENTROIDO!!!

Domingo 10 de marzo de 2019. Domingo de Piñata.

Pecha este domingo a semana grande de festa cunha comida colectiva.

Farase entrega ao termo desta comida do “Premio Pescadilla”, cedido pola Comisión do Entroido, e entregado a mans da súa viúva, a aquela comparsa que máis marabillados deixase aos veciños durante o Desfile do Domingo de Entroido.

Este premio é un recordo ao “Pescadilla” e ao seu papel case imprescindible nesta festa. Falar do e da súa Señora, parella inseparable no traballo e na esmorga, é falar tamén de Entroido. As súas parodias, a súa chispa, o seu bo humor na súa lareira, sempre aberta a todos nestas festas de Entroido, onde se organizaron moitas das máis grandes esmorgas que se fixeron en Verín e que fixeron historia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio web utiliza cookies. Debes aceptar o seu uso para seguir navegando por el + info

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Close