fbpx

Concerto presentación do disco ‘Rumbo NE’ – BG Nova Era

Compárteo!

28 Decembro, 2019 18:30

Auditorio De Verin

Camiño a Balneario de Sousas 32600 Verín

  • Localidade

    Verín

Foto de A.C. Música Tradicional de Monterrei - Banda de Gaitas Nova Era.

A Banda de Gaitas Nova Era ofrecerá, o vindeiro 28 de decembro, ás 18.30 horas, un concerto presentación para o seu primeiro disco, “Rumbo NE”. A agrupación está a organizar unha gala que se celebrará no Auditorio Municipal de Verín e na que os asistentes poderán gozar dos seus novos temas en vivo e en directo. Dito evento está organizado pola Asociación de Música Tradicional de Monterrei en colaboración co Concello de Verín.

No concerto presentación de “Rumbo NE”, a Banda de Gaitas Nova Era convídanos a unha viaxe musical na que conviven decenas de instrumentos, influencias e melodías. Unha gala coidada ao máis mínimo detalle na que contarán coa presenza de varios convidados de luxo que colaboraron na gravación do disco. Un total de máis de 40 músicos se subirán ao escenario para fusionar música de raíz tradicional con ritmos e sons de todo o mundo.

En “Rumbo NE” atopamos unha disparidade de estilos musicais que parten do profundo respecto pola música tradicional galega buscando á vez explorar novos horizontes que leven á formación a unha nova dimensión musical cun estilo propio e innovador. Tanto é así que nesta proposta podemos escoitar xéneros tan diversos como a muiñeira galega ou o swing americano , pasando pola salsa cubana, a música dos países celtas ou os ritmos balcánicos.

As entradas para o espectáculo terán un custo de 3 euros e deberanse adquirir mediante reserva previa na páxina de Facebook A.C. Música Tradicional de Monterrei – Banda de Gaitas Nova Era, onde informarán dos prazos para recollelas.

A Banda de Gaitas Nova Era é o eixe fundamental da Asociación Cultural de Música Tradicional de Monterrei. Foi creada a finais do ano 2014 por un grupo de músicos do Val de Monterrei, que apostaron por un proxecto a nivel local para o fomento e divulgación da música galega. O conxunto caracterízase pola combinación de tres seccións ben diferenciadas: a sección de gaitas galegas afinadas en Si bemol; a sección de percusión, que combina instrumentos da música tradicional galega, centroeuropea, latina e clásica; e a sección orquestral, formada por instrumentos de vento-metal, vento-madeira, corda e interpretación vocal.

Este sitio web utiliza cookies. Debes aceptar o seu uso para seguir navegando por el + info

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Close